Buscador

#camiños

Salon Teatro- Santiago

Del 26 al 28 Enero 2018

COMPRAR ENTRADAS

caminos

Carolina viaxa de cara aos EEUU. Daiana, neta dunha emigrada galega, volve da Arxentina. Comparten asento no aeroporto. E entre elas, debúxanse milleiros e milleiros de #camiños. Camiños que unen as aldeas coa cidades, os poemas de Rosalía coa música electrónica, o spinning co churrasco, e as fotos viradas sepia coas que acabamos de colgar en ínstagram… Camiños que unen o que fomos e o que desexamos ser.

camiños nace dunha investigación sobre a multitude de aldeas abandonadas que, cada día máis e máis, enchen a nosa terra. E percorrendo eses camiños na procura de lugares deshabitados, Carrodeguas e Castiñeira foron tecendo unha peza que nos leva, precisamente, de camiño a nós mesmos, ao que somos e ao que desexamos ser, ao que fomos un día e ao que un día, podemos chegar a ser. Quen somos os galegos do século XXI? Como nos colocamos no mundo nós, que levamos sempre o móbil pegado á man e vivimos nun mundo globalizado? Que queda dos e das nosas devanceiras dentro da nosa sociedade. Para tecer este mapa, ButacaZero bota man de todos os rexistros escénicos necesarios: coreografías, teatro físico, bufón, música, playback, pasarela, audiovisuais. Unha peza imbuída por un espírito millenial, que, ao igual que as redes sociais nas que adoitamos gastar o noso tempo, é un collage ecléctico que tenta explicar o noso mundo. Un aluvión escénico que pretende non deixar a ninguén indiferente. Unha festa teatral na que celebrármonos pero tamén, reflexionármonos.

A COMPAÑÍA ButacaZero

ButacaZero é a plataforma creativa de Esther F. Carrodeguas e Xavier Castiñeira, que propoñen un teatro que dialoga directamente co mundo actual: un teatro necesario. A investigación e a reflexión dende un ollar crítico e irónico son as claves que definen as súas propostas que se concretan en dramaturxias feitas á medida nas que a tradición teatral se mestura coas posibilidades que ofrece o audiovisual en escena. ButacaZero deuse a coñecer no ano 2016 na Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia con Voaxa e Carmín, peza que inicia unha triloxía sobre a memoria, neste caso histórica, ao levar a escena a Maruxa e Coralia Fandiño Ricart, as coñecidas Marías de Santiago de Compostela. No 2017 estrean na butaca [fantasía nº3 en Dor Maior], un solo de teatro·danza no que se aborda a memoria dende o esquecemento individual, investigando sobre as demencias. Con #camiños, que se estreará no 2018, péchase esta triloxía reflexionando sobre a memoria dun pobo: o noso.